miércoles, 19 de septiembre de 2012

Non son novo dabondo

"Non son novo dabondo para sabelo todo" Oscar Wilde
Cando era un rapaz sabía moi ben a quén votaría se tivera idade, o malo foi que cando a tiven xa non o sabía. O problema é que nunca houbo un partido nin un candidato que espertara a miña ilusión, ningún programa do que puidera dicir este sí é un proxecto verdadeiramente bó. Supoño que non o parecerá polo meu xeito de falar, e non digamos de escribir neste blogue, pero en realidade a dúbida é o meu estado máis habitual. E a dúbida non casa ben con iso de ser dun partido. De feito, non acabo de entender á xente que dí que é dun partido como quen dí que é do Betis. Así que, como norma, teño en conta a ideoloxía xeral de cada partido, miro os programas, considero o que fixera o que estea gobernando, e voto á candidatura coa que teña máis en común ou coa que teña menos diferencias. As veces non voto.

Xa imaxinaredes que todo isto ven a conta das vindeiras eleccións ó Parlamento de Galicia. Aínda non empezóu a campaña, ben o sei, pero iso non quita para que empezaran as miñas dúbidas. Esta vez o meu problema é que a escisión do Bloque e a coalición dunha parte do nacionalismo con Esquerda Unida me ten bastante descolocado. Para dicilo dun xeito liso e chan: non me entero. Algo ten que ver tamén, para que negalo, que vou algo canso e desencantado e teño poucas gañas de buscar información.

A pesares de todo, algunhas cousas sí as teño claras. Dos meus principios: a liberdade, a igualdade, a xusticia, a democracia, a solidaridade..., hai moito, moitísimo que non teño dúbida algunha. E por iso sei moi ben a quén non vou votar. Nin farto de albariño se me pasaría polo maxín votar por quen está a atacar todos e cada un deses principios e a desmantelar o Estado social para sustituilo por un Estado neoliberal. Por máis que eu non son partidario de enfocar eleccións autonómicas por políticas estatais, nin ó revés, esta vez penso que está máis que xustificado polas circunstancias. Teño ademáis por certo que, se o PP gaña en Galicia (porque no País Vasco nin soñan con gañar), van usar ó resultado para facer ver que a xente apoia as súas políticas, esquecer os seus fracasos noutras rexións e despreciar calquera enquisa, manifestación ou crítica. Quero dicir aínda máis.

Algunha vez no pasado teño votado polo PSOE. Supoño que porque, no fondo e se o penso ben, a miña ideoloxía é a dun socialdemócrata. Pero agora xa non estou seguro de que esa sexa aínda a ideloxía deste partido que parece ter esquecido que leva na súa sigla unha "O". Ademáis con tempo funme convencendo, e agora estou totalmente convencido, de que o bipartidismo está matando a democracia, como xa expreséi hai tempo en Sin miedo al pluralismo e En defensa del voto inútil. Por se isto fora pouco, non lle podo perdoar o PSOE unha reforma constitucional antidemocrática que antepón os intereses dos causantes da crise ós dos cidadáns que a padecen e ós que din representar. A única razón que se me ocorre para votarlles é tan só como mal menor e agardando, xa que non crendo, que poidan por algún freo ó desmantelamento do Estado social.

Supoño que isto non me deixa moitas opcións. Supoño tamén que tería que agardar a que empece a campaña e coñecer eses papeis mollados que chaman programas electorais. E supoño que, como de costume, chegará o intre de meter a papeleta na urna e fareino con dúbidas. Qué lle vou facer, é o malo de non ser xa novo dabondo. Supoño.


No hay comentarios:

Publicar un comentario